Fin de ano con sol

Achegámonos a final de ano cunha boa nova que vén a sumarse ás moitas alegrías que nos deu xa o Fase de trema co que Lorena Souto obtivo o Premio Pérez Parallé hai xa dous anos: aínda que non hai relato “oficial”, Modesto Fraga contou hai pouco en Facebook que o libro de Lorena resultou finalista nas votacións para o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández que celebraba unha obra publicada en 2012 por un autor ou autora menor de 31 anos.

Ao xurado do premio, Modesto Fraga, poeta fisterrán e, desde hai un tempo, libreiro en Arteixo, acudiu en representación da Real Academia Galega. E foi el que relatou que o libro de Lorena -así como o Vinte en escena da carballesa-muxiá Rosalía Fernández Rial- foron superando as diferentes etapas do proceso de escolla que levou a cabo o xurado até chegar ás últimas decisións.

O premio foi, finalmente, para o poeta barcelonés Unai Velasco.

Algún medio de comunicación fíxose eco desta nova.

Con isto, péchase un 2013 cheo de boas novas para o libro de Lorena, que xa foi finalista dos premios dos editores e dos escritores e escritoras de Galicia.

Lorena está desde hai uns meses en Gales, exercendo de lectora de galego na Universidade, e alí tamén participou nalgún recital poético levando o nome do noso Premio Pérez Parallé até terras máis alá do Mar do Norte.

Como digno remate de curso, vimos de ler esta crítica do libro de Marisol Gándara publicada polo prestixioso blog “Criticalia” de Armando Requeixo. O libro de Marisol tamén está acadando boa receptividade na crítica galega.

Para os que facemos este Premio, todo isto é motivo de orgullo e un impulso para seguir adiante.