As lavandas de Ramón Neto

Vén de chegarnos ¡desde Bruxelas! un exemplar de As lavandas adáptanse a todo erro de navegación, o libro co que Ramón Neto obtivo o ano pasado o Premio de Poesía Miguel González Garcés, un dos de máis longa andaina nas nosas letras.

ramón neto-as lavandas

Co seu libro anterior, A estación única dunha illa, Ramón Neto obtivo en 2009 a XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Despois dese primeiro paso que deu connosco, agora dá un segundo gran paso, sumándose a unha listaxe de poetas galardoados no premio da Deputación da Coruña que conta con nomes tan senlleiros como o de Estevo Creus, Marta Dacosta, Ramiro Fonte, Medos Romero, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo ou Luz Pozo Garza entre outros.

ramón neto

Celebramos estas novas como se fosen logros nosos e non nos cansamos nunca de dicir canto nos aleda ver que o Pérez Parallé segue a demostrar que dá bos froitos.

 

Acto de entrega da XXV edición do Premio

O sábado tivo lugar o acto de entrega da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. No acto, Marisol Gándara Sánchez recibíu o diploma acreditativo e mais a peza de cerámica que representa o premio e é obra de Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.
entrega do parallé a marisol gándara

Na mesa presidencial do acto, acompañando á gañadora deste ano, estivo José Manuel Romero, presidente do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade e Gumersindo Galego, alcalde de Fene.
Marisol adiantounos un poema do libro premiado, presentado ao certame co título Testamento poético (“aínda que é probábel -comentou-, que finalmente acabe por cambiarlle o título”).
A continuación tivo lugar un pequeno e emotivo recital a cargo de algúns dos gañadores e gañadoras do premio destes últimos anos: Mario Regueira, Susana Aríns, Ramón Neto e mais Lorena Souto.
O acto pechouse cunha actuación do Coro da Ra, dirixido por Ramón Bermejo.
O libro gañador publicarase na colección de poesía Espiral Maior na primeira metade de 2013. Arredor do día das Letras Galegas terá lugar en Fene a presentación oficial.

Presentación d’A estación única dunha illa

O libro gañador da XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, A estación única dunha illa, de Ramón Neto, presentarase este sábado 22 de maio ás 20:00 no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene.

No acto participarán, ademais do autor: José Manuel Romero Rey, presidente do, Círculo Mercantil, Iván Puentes, Alcalde de Fene, e Eduardo Estévez, escritor e coordinador do premio.

A piques de saír o libro gañador de 2009

A estación única dunha illa, de Ramón Neto, libro gañador da XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé (2009) está a piques de saír do prelo.

Velaquí un adianto da portada.

a estación única dunha illa

O sábado 22 de maio terá lugar a presentación no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene.