O XXX Premio Pérez Parallé, para Carlos Lixó

O pasado 11 de novembro reuniuse o xurado da XXX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Estivo integrado por Chus Nogueira (ensaísta e Presidenta da Asociación Galega da Crítica), María Lado (poeta de Cee, autora dunha importante obra e moi coñecida pola súa faceta como recitadora) e Jesús Castro Yáñez (gañador do Premio en 2015).
De entre as 61 obras presentadas, e tras unha pormenorizada discusión, escolleron por unanimidade a obra presentada baixo o título murallas de pedra sen cemento que duran para sempre. Unha vez aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Carlos Lixó Gómez.

O gañador naceu en Carreira (Ribeira) e é graduado en Historia. Actualmente está preparando a tese de doutoramento en Historia Medieval. Obtivo dúas veces o premio de relatos curtos do Concello de Cambre e o terceiro premio de relatos curtos do Concello de Ames. Algún poema seu foi publicado na revista Dorna. É colaborador de opinión no xornal dixital Sermos Galiza.

Foto: Concello de Fene

O acto de entrega tivo lugar o sábado 18, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade. Fixeron entrega do premio a presidenta do CMI, Paula Romero, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo.

No acto participaron tamén nenos e nenas dos colexios públicos O Ramo, de Barallobre, e Os Casais, de Maniños. Entre todos, leron un traballo que prepararan sobre a vida de Xosemaría Pérez Parallé e mais recitaron algúns dos seus poemas.

Pechou o acto, como é habitual, a Rondalla Estrelecer, dirixida por Javier Amado.

O libro de Carlos Lixó será publicado por Espiral Maior. O acto de presentación está previsto para o mes de maio do próximo ano.

Entrega do XXVI Premio Pérez Parallé

O sábado tivo lugar en Fene a entrega do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O autor galardoado, Fran Cortegoso, non puido estar presente pero, no seu sitio, os poetas Gonzalo Hermo e Alicia Fernández recibiron a figura que acredita o galardón, leron un texto enviado por Fran desde a India e algúns dos poemas do libro premiado.

O presidente do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, José Manuel Romero, abriu o acto agradecendo a presenza de todos e reivindicando o compromiso dos que facemos o Premio coa literatura feita en galego e cos máis novos autores como continuación do labor feito neste mesmo sentido polo autor homenaxeado co Premio.

No acto participou o Alcalde de Fene, Gumersindo Gallego, quen amosou o compromiso do Concello de Fene coa continuidade do premio e fixo unha defensa da cultura e a literatura feita en galego.

Ramón Blanco, en representación do xurado, falou do libro e mais do proceso de escollelo, antes de dar paso á entrega do premio e das lecturas que fixeron os poetas que representaban no acto ao autor galardoado.

Pechouse a sesión, como é habitual, cunha actuación musical que, nesta ocasión, foi dobre: Francisco Pérez Porto e Carmen Romero, acompañados de cadansúa guitarra, ofreceron un recital de romances e cantigas, algunhas tradicionais, outras de creación propia, outras con letras de Rosalía Castro ou Don Xosemaría e, para pechar, a rondalla do Círculo, ofreceu o seu repertorio habitual integrado por poemas tradicionais, tres cancións con letra de Pérez Parallé e unha versión de Campanas de Bastavales coa que deu remate o acto.

Aquí tendes algunhas fotos e, a continuación, o texto que Fran Cortegoso enviou para ser lido por Gonzalo Hermo no acto. (Podedes descargar unha versión en PDF facendo clic aquí.)

 

Discurso de recepción do Premio Pérez Parallé de poesía 2013

Saúdos cordiais a todos os presentes.
Ao occidente da Provenza francesa, perto de Marsella, elevase un pregue calcáreo duns mil metros de altura sobre o nivel oceánico chamado Monte da Santa Vitoria. Domina unha ampla paisaxe para o sur e estremos da súa extensión. Hoxe en día a autoestrada que atravesa a rexión produce un efecto cinematográfico de travelling na visión de tal monumento natural. Paul Cézanne, pintor nado na Provenza, traballou ao longo da súa vida coa visión dese promontorio alpino dunha cor cinsenta, por veces branca. Podo, podemos, contemplar o seu despregue de sentido nunha postal. Unha fotografía recolle o mais inmediato presente de algo, no entanto, eterno. Puidemos vela e asombrounos o seu fenómeno. Xurdiu na paisaxe camiño do aeroporto de Marsella. Camiño da India.
A miña vontade é este lugar desde onde escribo, mentres escoito unha voz en lingua árabe clamando unha verdade sen maior representación que a palabra mesma; o lugar onde esta ten lugar e pode dar lugar. A miña vontade, sen desexalo, e desculparán a miña ausencia, lévame a cumprir co poema como evento na voz de Alicia Fernández. Levo anos xogando coa miña propia desaparición. Do que se trata é do poema e a relación cun saber humano.
Días antes de coñecer e recoñecerme gañador deste premio xa instituído en obras e autores que gardo presentes e que demostran o seu creto, atravesaba bosques ocupados por plantacións de café nunha outra paisaxe ou territorio. Tratábase da primeira plantación de café que podía observar e á miña vista, como por efecto dun desvelamento da vexetación, apareceu ou aparecín ante o monte Mullayangiri. Aparecín eu; aínda que un pregamento de materiais sedimentarios non poida dar conta de min, para iso está a linguaxe, para dar voz ao inmemorial. Mais o monte Mullayangiri nin aparece nin comparece. A miña presenza bórrase para dar lugar a unha simple recepción da luz polos sentidos. Un verde que se deita do esmeralda ao ton da vile, esborrallado pola néboa. Así acontecía cada mañá o monte da Santa Vitoria ante a presenza do pintor postimpresionista. Cézanne pretendía unha linguaxe da luz, o seu acontecer singular sen atender realmente a unha lei propia ao obxecto e anterior. A luz estimula, para o artista, unha arquitectura irreparábel por singular, e deste xeito, inmediatamente ruinosa. O século XX deparaba grandes acontecementos como a visión da Santa Vitoria.
Mais todos nós, no século XXI, é posíbel sermos parte dunha ruína anterior que xoga como representación do acontecer dun sistema ou estrutura en crise. O xardín estabeleceu unha orde a unha natureza ocupada pola emerxencia das ciencias naturais. E este xeneralizouse como unha lóxica estética. Os poemas que teño por honra presentar este día grazas á valoración dun xurado que me acolle como igual, son produto dun saber que se garda na miña historicidade mais que eclosionan no espazo como eventos nun xardín, ordenación do que se trata por natural. Así, creo, debe ser tomado o noso tempo, como unha oportunidade para a nova orde ocupándonos dos acontecementos que poden liberar a nosa sociedade.
Os meus mellores desexos para todos. Agardo que desfrutedes desta xornada en Fene.

Francisco Cortegoso