O Parallé de Míriam Ferradáns

Hai uns días tivo lugar na sede do CMI a entrega do XXIX Premio Pérez Parallé a Míriam Ferradáns. Como todos os anos, participaron do acto a presidenta do Círculo, Paula Romero e o alcalde de Fene, Juventino Trigo. Lara Dopazo interveu para explicar algunhas das motivacións do xurado, do que formou parte xunto co poeta e editor Paco Souto e Eduard Velasco, gañador da edición de 2014.
A ocasión de entregarlle o premio a Míriam valeu tamén para lembrar a Fran Cortegoso, gañador do premio en 2013, recentemente falecido. Eduardo Estévez, coordinador do certame, abriu cun poema seu e, a continuación, todas e cada unha das persoas que interviron tiveron unha especial mención a Fran quen se convertiu así, dalgún xeito, en protagonista do acto.
O libro de Míriam Ferradáns será publicado o próximo ano na colección de poesía Espiral Maior que dirixe o poeta Miguel Anxo Fernán Vello.
Velaquí unhas poucas fotos desa noite.

mesa

entrega

lara

miriam

presidenta

Adeus, Fran

A familia do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé perdeu esta semana un dos seus membros moi queirdos: o pasado 5 de outubro, á idade de 31 anos, morreu na súa casa de Bora, Pontevedra, o poeta Fran Cortegoso, gañador en 2013 da XXVI edición do Premio, co seu libro Memorial e danza.
Velaquí a primeira foto súa que puxemos neste blog cando se lle concedeu o Premio:
FranCortegoso-174x300
A tempo de que Fran puidese vela, chegou a edición do seu poemario Suicidas. Foi publicado por Chan da Pólvora, selo editorial creado por algúns dos seus amigos máis queridos: Antón Lopo (quen lle presentara o libro no Círculo Mercantil en 2014), Alicia Fernández (quen recollera en 2013, xunto con Gonzalo Hermo, o Premio que Fran non puido recoller porque estaba daquela en Francia) e Eduard Velasco (gañador do Premio Pérez Parallé en 2014).
Aquí, unha foto de Alicia e Gonzalo recollendo o premio de Fran. Levaban para a ocasión unhas camisetas coa cara del.
gonzalo_01
E unha do día da presentación do libro (xunto con Antón Lopo, Miguel Anxo Fernán Vello, e os daquela Presidente do Círculo e Alcalde de Fene, José Manuel Romero e Gumersindo Gallego:
presentacion-fran-5
A pesar de que a súa foi unha carreira literaria fugaz, en moi pouco tempo Fran acadara o recoñecemento unánime de lectores, críticos e compañeiros e compañeiras de andaina. A poeta Chus Pato dicía del que era “o maior poeta galego vivo”: sen dubidalo, a obra de Fran Cortegoso, vencellada definitivamente ao noso Premio, resoará no tempo.

Moitas foron e seguen a ser as mostras de cariño e respecto que desde diferentes lugares están a renderse estes días ao poeta. Estas son algunhas:
Especial no Diario Cultural da Radio Galega
A emocionada homenaxe do poeta Antón Lopo
A nota publicada polo Concello de Fene

Volvemos a ligar aquí unha nota que, sobre o libro premiado no Parallé, publicara Gonzalo Hermo

O portal poesiagalega.org difunde o PDF dos primeiros poemas de Fran que viron luz no suplemento “Revista das Letras” do xornal “El Correo Gallego”.

Por último, a foto do escaparate da libraría Chan da Pólvora, homenaxe ao poeta, con todos os exemplares do seu libro Suicidas.

chan_fran

Estará sempre na nosa memoria e no noso cariño. E irá sempre ao noso carón nesta viaxe ilusionante do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé que, entre outras virtudes, trouxo ás nosas vidas a xente inesquecíbel como Fran Cortegoso.

Jesús Castro Yáñez recibe o seu Premio Pérez Parallé

Onte á noite, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, foi entregado o XXVIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé ao gañador deste ano, o poeta chairego Jesús Castro Yáñez.

jesus_castro

Entregaron o galardón o alcalde de Fene, Juventino Trigo e o presidente do Círculo, José Manuel Romero.
O acto pechouse, como é habitual, coa actuación da rondalla Estrelecer do Círculo Mercantil.

mesa

O autor recibiu o galardón pola súa obra Os cantos e os himnos. O xurado do Premio, integrado por Estíbaliz Espinosa, Fran Cortegoso e Estevo Creus escolleu a obra de entre as 27 presentadas considerando que “conforma un libro orgánico, con vontade de medrar en cada parte (desde o Nome ao Himno) e unha procura metafísica a través da lingua literaria. O tema da identidade a través do nomeamento do mundo, a sonoridade líquida da lingua e o uso dunha linguaxe clara para unha poesía que camiña por territorios que poden soar familiares (o xardín, o río) mais rozando certa abstracción. Unha poesía fonda e de teor filosófico que adentra en preguntas sobre o ser e o territorio. A voz do libro é unha voz limpa e nova, mais cunha madurez lírica considerable.”

O Premio Pérez Parallé outorga ao autor da obra gañadora 1000 euros e unha peza de cerámica de Sargadelos co retrato de Pérez Parallé da autoría do debuxante Siro, que é a imaxe do Premio desde hai máis de dez anos.
O libro será publicado pola editorial Espiral Maior e presentarase en Fene no próximo mes de maio.

Jesús Castro Yáñez obtén o XXVIII Premio Pérez Parallé

O xurado da XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, formado por Estíbaliz Espinosa, Estevo Creus e Fran Cortegoso, escolleu hoxe o libro Os nomes e os himnos como obra gañadora da edición deste ano do certame.
xurado_paralle_2015
Aberta a plica, descubriuse o nome do autor: Jesús Castro Yáñez, poeta nado en Baltar, A Pastoriza, en 1992.
O gañador obtivo, antes deste, outros premios pola súa obra poética: o Minerva, o Xela Arias ou o Ánxel Casal son algúns deles. Recentemente foi galardoado co I Premio de relato breve Nélida Piñón do concello de Cotobade polo relato “O vello e o minotauro”.
O Premio Pérez Parallé, convócase desde hai xa case trinta anos no Centro Mercantil e Industrial Unidade, de Fene. Colabora con el o Concello de Fene e a editorial Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello, que publicará a obra gañadora.
O próximo sábado 21 de novembro terá lugar na sede do Círculo Mercantil a entrega dao premio, nun acto que contará coa presenza de Juventino Trigo, alcalde de Fene e coa actuación da rondalla Estrelecer.

Fin de ano

Pechamos 2014 cunha longa entrevista de Montse Dopico ao gañador da última edición do Premio, Eduard Velasco no seu “M_”, Magazine cultural galego.
Aproveitamos a ocasión, para saudar desde o Premio esta iniciativa cultural de altísima calidade que vén levando adiante esta xornalista desde hai un tempo. Unha páxina de referencia para entender o que acontece no mundo cultural do país.
Seguindo coas novidades deste final de ano, queremos deixar constancia de que Fran Cortegoso segue presentando con grande éxito o seu libro, gañador do Premio do ano pasado: Memorial & Danza. Recentemente, o libro foi o centro dun coloquio en Santiago de Compostela coa participación da recoñecida poeta, profesora e crítica literaria María do Cebreiro. No blogue de Gonzalo Hermo, poeta e membro do xurado desta última edición, hai un texto de María do Cebreiro e outro do poeta Claudio Pato sobre o libro: ambos textos de moi interesante lectura.
Rematamos desexándovos un 2015 cheo de poesía. Nós seguiremos traballando desde este pequeno recunchiño para manter viva esa chama.

Presentación de “Memorial e danza”

Este vernres, véspera do Día das Letras Galegas, tivo lugar en Fene a presentación do libro gañador da XXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé: Memorial e danza, de Francisco Cortegoso.
O acto contou coa presenza de Gumersindo Gallego, alcalde de Fene, así como de José Manuel Romero, en representación do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, entidad convocante do premio.
Acompañaron ao autor o poeta Miguel Anxo Fernán Vello, director de Espiral Maior, editora do libro, e Antón Lopo, poeta, narrador e xornalista cultural de longa traxectoria.
Velaquí algunhas fotos do acto:

presentacion fran

presentacion fran

presentacion fran

presentacion fran

presentacion fran

presentacion fran

Entrega do XXVI Premio Pérez Parallé

O sábado tivo lugar en Fene a entrega do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O autor galardoado, Fran Cortegoso, non puido estar presente pero, no seu sitio, os poetas Gonzalo Hermo e Alicia Fernández recibiron a figura que acredita o galardón, leron un texto enviado por Fran desde a India e algúns dos poemas do libro premiado.

O presidente do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, José Manuel Romero, abriu o acto agradecendo a presenza de todos e reivindicando o compromiso dos que facemos o Premio coa literatura feita en galego e cos máis novos autores como continuación do labor feito neste mesmo sentido polo autor homenaxeado co Premio.

No acto participou o Alcalde de Fene, Gumersindo Gallego, quen amosou o compromiso do Concello de Fene coa continuidade do premio e fixo unha defensa da cultura e a literatura feita en galego.

Ramón Blanco, en representación do xurado, falou do libro e mais do proceso de escollelo, antes de dar paso á entrega do premio e das lecturas que fixeron os poetas que representaban no acto ao autor galardoado.

Pechouse a sesión, como é habitual, cunha actuación musical que, nesta ocasión, foi dobre: Francisco Pérez Porto e Carmen Romero, acompañados de cadansúa guitarra, ofreceron un recital de romances e cantigas, algunhas tradicionais, outras de creación propia, outras con letras de Rosalía Castro ou Don Xosemaría e, para pechar, a rondalla do Círculo, ofreceu o seu repertorio habitual integrado por poemas tradicionais, tres cancións con letra de Pérez Parallé e unha versión de Campanas de Bastavales coa que deu remate o acto.

Aquí tendes algunhas fotos e, a continuación, o texto que Fran Cortegoso enviou para ser lido por Gonzalo Hermo no acto. (Podedes descargar unha versión en PDF facendo clic aquí.)

 

Discurso de recepción do Premio Pérez Parallé de poesía 2013

Saúdos cordiais a todos os presentes.
Ao occidente da Provenza francesa, perto de Marsella, elevase un pregue calcáreo duns mil metros de altura sobre o nivel oceánico chamado Monte da Santa Vitoria. Domina unha ampla paisaxe para o sur e estremos da súa extensión. Hoxe en día a autoestrada que atravesa a rexión produce un efecto cinematográfico de travelling na visión de tal monumento natural. Paul Cézanne, pintor nado na Provenza, traballou ao longo da súa vida coa visión dese promontorio alpino dunha cor cinsenta, por veces branca. Podo, podemos, contemplar o seu despregue de sentido nunha postal. Unha fotografía recolle o mais inmediato presente de algo, no entanto, eterno. Puidemos vela e asombrounos o seu fenómeno. Xurdiu na paisaxe camiño do aeroporto de Marsella. Camiño da India.
A miña vontade é este lugar desde onde escribo, mentres escoito unha voz en lingua árabe clamando unha verdade sen maior representación que a palabra mesma; o lugar onde esta ten lugar e pode dar lugar. A miña vontade, sen desexalo, e desculparán a miña ausencia, lévame a cumprir co poema como evento na voz de Alicia Fernández. Levo anos xogando coa miña propia desaparición. Do que se trata é do poema e a relación cun saber humano.
Días antes de coñecer e recoñecerme gañador deste premio xa instituído en obras e autores que gardo presentes e que demostran o seu creto, atravesaba bosques ocupados por plantacións de café nunha outra paisaxe ou territorio. Tratábase da primeira plantación de café que podía observar e á miña vista, como por efecto dun desvelamento da vexetación, apareceu ou aparecín ante o monte Mullayangiri. Aparecín eu; aínda que un pregamento de materiais sedimentarios non poida dar conta de min, para iso está a linguaxe, para dar voz ao inmemorial. Mais o monte Mullayangiri nin aparece nin comparece. A miña presenza bórrase para dar lugar a unha simple recepción da luz polos sentidos. Un verde que se deita do esmeralda ao ton da vile, esborrallado pola néboa. Así acontecía cada mañá o monte da Santa Vitoria ante a presenza do pintor postimpresionista. Cézanne pretendía unha linguaxe da luz, o seu acontecer singular sen atender realmente a unha lei propia ao obxecto e anterior. A luz estimula, para o artista, unha arquitectura irreparábel por singular, e deste xeito, inmediatamente ruinosa. O século XX deparaba grandes acontecementos como a visión da Santa Vitoria.
Mais todos nós, no século XXI, é posíbel sermos parte dunha ruína anterior que xoga como representación do acontecer dun sistema ou estrutura en crise. O xardín estabeleceu unha orde a unha natureza ocupada pola emerxencia das ciencias naturais. E este xeneralizouse como unha lóxica estética. Os poemas que teño por honra presentar este día grazas á valoración dun xurado que me acolle como igual, son produto dun saber que se garda na miña historicidade mais que eclosionan no espazo como eventos nun xardín, ordenación do que se trata por natural. Así, creo, debe ser tomado o noso tempo, como unha oportunidade para a nova orde ocupándonos dos acontecementos que poden liberar a nosa sociedade.
Os meus mellores desexos para todos. Agardo que desfrutedes desta xornada en Fene.

Francisco Cortegoso

Fran Cortegoso obtén a XXVI edición do Premio

Finalmente, onte pola mañá reuniuse o xurado da XXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Foi na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene.
O xurado desta edición estivo composto por Ramón Blanco, poeta de Outes, autor dun dos libros de poemas máis exitosos do pasado ano, Emily on the road; Olalla Cociña, poeta residente en Santiago de Compostela, aínda que nada en Viveiro, autora de catro libros de poemas cos que obtivo algúns premios e o unánime recoñecemento da crítica, é a organizadora dun ciclo poético en Compostela chamado Picaversos, que xa vai pola terceira etapa con grande éxito de público; completaba o xurado Marisol Gándara Sánchez, autora da obra gañadora da edición anterior do Premio, Ata o corazón da mazá.

Tras unha interesante discusión a propósito dos libros presentados a concurso, o xurado resolveu outorgar o Premio deste ano ao titulado Memorial & danza que resultou ser da autoría de Fran Cortegoso.
Este mozo, nado en Pontevedra en 1985, leva uns anos amosando a súa obra poética con gran éxito por publicacións periódicas e mesmo algunhas antoloxías como A cidade na poesía galega do século XXI ou a Guía viva de ortodoxos e heterodoxos en la poesía contemporánea gallega.
Tal e como consta na acta, o xurado “valorou no libro a descuberta dunha voz singular cun contido alento reflexivo despregado nunha sintaxe pouco convencional e un ritmo coidado. O poemario apóiase en luminosas imaxes cun forte enraizamento no fluír temporal da natureza”.

O autor atópase percorrendo mundo e á nova da concesión do premio respondeu desde algún lugar da India. Xa que logo, non poderá estar presente na entrega do premio que terá lugar este sábado. Na súa representación, participarán do acto dous poetas novos pero cunha traxectoria xa consolidada: Gonzalo Hermo lerá un texto enviado por Fran e Alicia Fernández, membro da executiva da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, lerá algúns dos poemas do libro premiado.
Agardámosvos, pois, para compartir este momento o sábado 16 ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene.