Fin de ano con sol

Achegámonos a final de ano cunha boa nova que vén a sumarse ás moitas alegrías que nos deu xa o Fase de trema co que Lorena Souto obtivo o Premio Pérez Parallé hai xa dous anos: aínda que non hai relato “oficial”, Modesto Fraga contou hai pouco en Facebook que o libro de Lorena resultou finalista nas votacións para o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández que celebraba unha obra publicada en 2012 por un autor ou autora menor de 31 anos.

Ao xurado do premio, Modesto Fraga, poeta fisterrán e, desde hai un tempo, libreiro en Arteixo, acudiu en representación da Real Academia Galega. E foi el que relatou que o libro de Lorena -así como o Vinte en escena da carballesa-muxiá Rosalía Fernández Rial- foron superando as diferentes etapas do proceso de escolla que levou a cabo o xurado até chegar ás últimas decisións.

O premio foi, finalmente, para o poeta barcelonés Unai Velasco.

Algún medio de comunicación fíxose eco desta nova.

Con isto, péchase un 2013 cheo de boas novas para o libro de Lorena, que xa foi finalista dos premios dos editores e dos escritores e escritoras de Galicia.

Lorena está desde hai uns meses en Gales, exercendo de lectora de galego na Universidade, e alí tamén participou nalgún recital poético levando o nome do noso Premio Pérez Parallé até terras máis alá do Mar do Norte.

Como digno remate de curso, vimos de ler esta crítica do libro de Marisol Gándara publicada polo prestixioso blog “Criticalia” de Armando Requeixo. O libro de Marisol tamén está acadando boa receptividade na crítica galega.

Para os que facemos este Premio, todo isto é motivo de orgullo e un impulso para seguir adiante.

 

Fase de Trema e Mario Regueira finalistas dos premios AELG

O poemario Fase de Trema, de Lorena Souto, gañador da XXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé é un dos libros finalistas na categoría de poesía dos premios que convoca a Asociación de Escritores en Lingua Galega para os mellores libros publicados no ano 2012.

Un novo éxito en si mesmo para o libro de Lorena, que xa foi hai pouco finalista dos premios da Asociación de Editores.

Tamén figura na lista o libro O silencio, de Mario Regueira, quen fose gañador do Parallé en 2005.

Vansenos acabando as fotos dos nosos autores e autoras gañadoras do premio para celebrarmos neste blogue cada un dos seus éxitos!!

 

Lorena Souto presentou Fase de Trema en Compostela

Onte, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, tivo lugar a segunda presentación de Fase de Trema, o poemario co que Lorena Souto obtivo a XXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.
presentación lorena souto en compostela
Como no acto do pasado día 16 de maio en Fene, a autora estivo acompañada da crítica literaria Antía Marante. Ademais, nesta ocasión contou coa presenza da escritora e profesora Manuela Palacios e mais do editor do libro, o poeta Miguel Anxo Fernán Vello.
presentación lorena souto en compostela
presentación lorena souto en compostela
O acto contou cunha boa participación de amigos de Lorena que ao remate fixeron cola para poder levar un exemplar asinado.

pd: Grazas a Mario Regueira polas fotos!