Acto de entrega da XXV edición do Premio

O sábado tivo lugar o acto de entrega da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. No acto, Marisol Gándara Sánchez recibíu o diploma acreditativo e mais a peza de cerámica que representa o premio e é obra de Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.
entrega do parallé a marisol gándara

Na mesa presidencial do acto, acompañando á gañadora deste ano, estivo José Manuel Romero, presidente do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade e Gumersindo Galego, alcalde de Fene.
Marisol adiantounos un poema do libro premiado, presentado ao certame co título Testamento poético (“aínda que é probábel -comentou-, que finalmente acabe por cambiarlle o título”).
A continuación tivo lugar un pequeno e emotivo recital a cargo de algúns dos gañadores e gañadoras do premio destes últimos anos: Mario Regueira, Susana Aríns, Ramón Neto e mais Lorena Souto.
O acto pechouse cunha actuación do Coro da Ra, dirixido por Ramón Bermejo.
O libro gañador publicarase na colección de poesía Espiral Maior na primeira metade de 2013. Arredor do día das Letras Galegas terá lugar en Fene a presentación oficial.