Ábrese o prazo da XXVI edición do Premio

Como é habitual, tras a presentación do libro gañador da edición do ano pasado, ábrese xa o prazo de presentación de orixinais para participar na XXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

Tendes prazo até despois do verán para enviar o voso libro de poemas. En concreto, xusto unha semana despois de rematado oficialmente o verán.

Consultade as bases aquí ou descargádeas aquí en formato PDF.

A festa da poesía continúa.

Mordedoras de mazás

Así titulou Lorena Souto o texto co que participou na presentación de Ata o corazón da mazá, o libro co que Marisol Gándara obtivo a XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

O texto é precioso: unha reflexión sobre a poesía como fonte da poesía, as antecesoras como fonte da nova escrita e, en particular, a pegada de Eva Veiga nas poetas galegas novas. Pedímoslle a Lorena o texto para compartilo con todos os lectores e lectoras aquí no blog do premio e ela, coa súa xenerosidade de sempre, accedeu encantada.

Velaquí o está: podedes descargalo en formato PDF facendo clic aquí.

Agardamos que vos guste tanto como nos gustou a nós.

Marisol Gándara Sánchez gaña o XXV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O pasado xoves reuniunse na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene o xurado da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, conformado por Miguel Anxo Fernán Vello, poeta e editor, Dores Tembrás, poeta e María Rosendo, gañadora da edición do Premio de 2010.

xurado xxv edición

Tras debatir sobre os libros presentados, acordaron finalmente outorgar o premio ao libro presentado co título Testamento poético. Aberta a plica, a autora do libro resultou ser Marisol Gándara Sánchez.
Marisol naceu en Francia en 1981, veu a Galicia con poucos meses e criouse en Ordes. É Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela onde
actualmente cursa estudos de Xornalismo, ademais dun master en Paratradución na Universidade de Vigo. Obtivo diversos premios a poemas ou pequenos conxuntos de textos entre os que destaca a XV edición do Premio Francisco Añón, do Concello de Outes, acadado en 2011. Ten publicado ocasionalmente algúns poemas no magazine dixital Achtung.
A propósito de Testamento poético, a súa autora di que “o poemario está adicado a poeta Eva Veiga e, nela, a todas as mulleres que tiveron e teñen que medrar contra un modelo no que non acaban de encaixar de todo”.
O libro de Marisol Gándara aparecerá publicado o próximo ano na editorial de poesía Espiral Maior. Pero antes, o próximo sábado ás 20.00, farémoslle entrega do diploma acreditativo do Premio, ademais dos 500 € (menos impostos) con que está dotado este ano o Premio. Por último, Marisol recibirá unha peza do ceramista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.
marisol gándara
Para celebrar o XXV aniversario do certame, o acto contará tamén coa participación de varios dos gañadores e gañadoras dos últimos anos que farán un pequeno recital: Mario Regueira, Xiana Arias, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto e Lorena Souto amosarán o camiño que teñen percorrido despois de obteren o Premio.
O acto pecharase coa actuación do Coro da Ra, dirixido por Ramón Bermejo.

Marilar Aleixandre recomenda o último libro gañador do Pérez Parallé

No blog da editorial Galaxia existe unha columna chamada “Recoméndacho”. Nela, un escritor ou escritora aconsella a lectura dun ou varios libros.

marilar aleixandre

Nesta ocasión, traído dun artigo publicado en Sermos Galiza, Marilar Aleixandre recomenda a lectura de Fase de trema, o libro co que Lorena Souto obtivo a última edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

Afiado como espiña, Fase de trema, o primeiro poemario de Lorena Souto (Espiral Maior): “Preparo comida para catro semanas / e dedícome a morrer todas as súas mortes”.

 

 

Ramón Neto faise co González Garcés

Ramón Neto, quen no seu día obtivera o Pérez Parallé pola súa obra A estación única dunha illa vén de obter o premio Miguel González Garcés outorgado pola Deputación da Coruña cun libro titulado As Lavandas adáptanse a todo erro de navegación.

ramón neto

O González Garcés ten unha longa e sonora historia e obtivérono, entre outros, Ramiro Fonte, Medos Romero, Miguel-Anxo Fernán Vello, Manuel Álvarez Torneiro, Estevo Creus, Marta Dacosta, Luz Pozo Garza ou Xosé María Álvarez Cáccamo.

Esta nova énchenos de ledicia.

 

Quedan poucos días!

Continúa aberto o prazo para presentar orixinais para a XXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé para autores e autoras sen obra individual publicada. Cómpre enviar 3 copias dun libro de poemas ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene: Porto do Rio, 21 – San Paio-Fene (A Coruña) antes do 30 de setembro. O libro premiado publícase na colección de poesía Espiral Maior e o autor ou autora galardoada recibe, asemade, unha peza do escultor Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé. Pódense consultar aquí as bases e aquí a listaxe de gañadores e gañadoras das edicións anteriores.

Entrega do XXIII Premio a María Rosendo

maría rosendoO pasado sábado María Rosendo recibiu de mans de Iván Puentes, alcalde de Fene, a figuriña deseñada polo ceramista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé, e que representa a obtención da XXIII edición do Premio.
Foi no medio dun acto no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade que contou coa presenza de Antía Otero, membro do xurado desta edición. Presentou o acto Enrique Sanfiz e presidiuno Manuel Romero Rey, Presidente do Círculo.
Nómade, o libro merecedor do Premio deste ano, sairá publicado dentro duns meses na colección de poesía Espiral Maior que dirixe o poeta Miguel-Anxo Fernán Vello.