Gisela Mato presenta “fraxilidades”

Onte, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, Gisela Mato presentou o seu poemario fraxilidades, gañador da XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

O acto (presentado como é costume por Henrique Sanfiz) contou coa presencia do alcalde de Fene, Juventino Trigo, da presidenta do CMI, Paula Romero e do editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior.

Pechou o acto a actuación de Fran Amil, co seu espectáculo “Popsía”.

Velaquí algunhas fotos do acto.

Anxo Mena faise coa XXXIV edición do certame

O xurado da XXXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé resolveu hai uns días outorgar o premio deste ano ao libro Alimentar canarios con ovos da casa que, aberta a plica, resultou ser do poeta Anxo Mena.

O pasado sábado, como é habitual cada penúltimo sábado de novembro, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, o autor de Carral recibiu o diploma e o emblema do certame nun acto que contou coa presenza da Presidenta do CMI-Unidade, Paula Romero, do Alcalde de Fene, Juventino Trigo e de Sara Plaza, gañadora do certame en 2020, quen simbolizou coa súa participación a continuidade do certame.

O xurado deste ano estivo formado por Inma Otero, crítica literaria, Ramiro Torres, poeta, e Regina Touceda, gañadora do certame en 2019. O libro galardoado verá luz o próximo mes de maio na editorial Espiral Maior.

Velaquí algunhas fotos do acto de entrega:

Presentación en Fene de _todos os pasos fan ruído_

Onte tivo lugar en Fene a presentación de todos os pasos fan ruído, o libro co que Sara Plaza obtivo o seu XXXII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Foi ocasión de, contra vento e virus, reunirnos novamente na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade para celebrar a aparición dun novo libro, froito do esforzo conxunto que este certame significa e do que tan orgullosas e orgullosos estamos.

E puido por fin Sara Plaza achegarse á sede do CMI-Unidade xa que a entrega do premio, en novembro, tivo que ser telemática.

O acto, presentado estupendamente, como é habitual, por Henrique Sanfiz, inaugurouno a Presidenta do CMI-Unidade, Paula Romero quen deu a benvida e agradeceu o apoio do Concello. Deu paso, a continuación, á intervención do Alcalde, Juventino Trigo, quen louvou a figura de Xela Arias e o traballo do CMI para soster durante tantos anos un certame que, paso a paso, consolida o seu prestixio.

A continuación Eduardo Estévez fixo unha primeira introdución ao libro premiado falando no seu nome e mais leu o texto que preparara para a ocasión Regina Touceda, gañadora do ano anterior, quen ía presentar o libro pero non puido estar presente por atoparse preventivamente confinada pola pandemia, como tamén lle aconteceu ao editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello.

Ao cabo, Sara Plaza agradeceu novamente o premio e a posibilidade de ver publicado o seu libro e recitou unha selección de textos ante a ollada atenta do público presente, familia e amigos chegados, como dixo ela mesma, “desde preto, desde lonxe e desde moi lonxe”.

O acto rematou coa actuación de Su Garrido Pombo, un peche brillante para un acto trazado pola sinxeleza e a cordialidade.

Velaquí algunhas fotos (agradecemento especial a Xosé Lois Santos Cabanas quen fixo as fotos de Sara e Eduardo na mesa).

Sara Plaza Moreno obtén o XXXII premio Pérez Parallé

Hoxe pola mañá reuniuse (de forma telemática) o xurado da XXXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Estivo integrado pola poeta Lucía Novas, a crítica literaria Iris Cochón e Carlos Lixó, gañador do certame en 2017.

Este ano houbo 76 libros a concurso, unha das cifras maiores da historia do premio. E o nivel xeral das obras presentadas foi moi destacable, o que sempre complica a toma de decisións. Porén, aínda que a reunión levou o seu tempo, desde o comezo semellaba que había coincidencia no libro gañador, que foi o primeiro que chegou cando abrimos o prazo alá a comezos de agosto e que se titula todos os pasos fan ruído.

Cando finalmente a decisión estivo tomada e fomos recuperar a plica, resultou que, detrás do libro, estaba un nome completamente descoñecido para as persoas que estabamos alí presentes: Sara Plaza Moreno non gañou premios do Día das Letras no instituto nin se presentou a concursos de relatos nin publicou poemas en revistas. Ela (isto soubémolo despois, cando collemos o teléfono para contarlle a nova) naceu e criouse nunha vila da serra de Madrid. Aprendeu o galego para poder comunicarse na súa lingua cun mozo galego independentista que cumpría condena en Madrid. Aprendeu ela soa: lendo as cartas que lle chegaban do cárcere, lendo poesía, escoitando e tendo o espírito aberto.

Namorouse de Galiza e finalmente en 2019 decidiuse a vir e instalouse en Lugo onde cursa un mestrado de pedagoxía dos espazos naturais na USC. En Lugo comezou a falar a lingua que xa lía e na que era quen de escribir. E é sorprendente o ben que fala, o fantástico acento que ten, os pouquísimos erros que comete (ou ningúns).

Agardamos axiña poder compartir con ela o acto de entrega do Premio en Fene. De partida, mantemos a esperanza de facelo na data prevista, o sábado 21 de novembro. Estamos felices de sumar a Sara á familia do Premio que ano a ano medra ben.

Luz na “deriva”

Onte, nun fermoso acto no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, tivo lugar, por fin, a presentación de deriva, o libro co que Regina Touceda obtivo en 2019 o Premio Pérez Parallé. O acto debeu ter lugar en maio, pero non foi posíbel polas razóns que xa coñecemos de sobra e que tanto alteraron a nosa vida nestes meses últimos. Pero finalmente foi onte neste estraño mes de xullo de 2020.

A sala do CMI estaba máis concorrida do habitual. Gardando as distancias que marca a prudencia e con cadansúa máscara protectora, o público asistiu e aplaudiu con entusiasmo a presentación do libro.

A mesa dividiuse en dúas partes, unha primeira institucional na que interviron a Presidenta do CMI, Paula Romero, e mais o Alcalde de Fene, Juventino Trigo, quen se comprometeu a manter e incrementar o apoio do Concello ao certame.

Nunha segunda parte, o editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello e a autora ocupáronse con brillo da parte estritamente literaria do acto.

A tarde pechouna o grupo Encrucillada cun repertorio vibrante ancorado na tradición musical do país.

Agora é o tempo de facer que os versos de Regina saian voar polo ceo da poesía galega. Sempre é difícil para os autores e autoras novas facerse un oco cos seus traballos no prolífico universo das nosas letras. O Premio Pérez Parallé ten a vocación de aportar un gran de area para facer que ese proceso sexa máis doado. E este ano, con todas as dificultades que o sector cultural do país está a vivir, o papel das persoas que organizamos o certame é máis necesario. Asumimos esa responsabilidade e faremos o que estea na nosa man para apoiar a promoción deste libro.

Velaquí algunhas fotos do acto de onte.

Premio sen virus

Como xa vai sendo evidente, a presentación de deriva, o libro co que Regina Touceda, obtivo o Premio Pérez Parallé o ano pasado, non poderá ser o 16 de maio como estaba previsto.

Fomos adiando a nova porque non queriamos desprendernos do anaquiño de esperanza que nos quedaba pero non pode ser.

Coa colaboración de Espiral Maior estamos traballando na edición do libro e non ha pasar moito tempo antes de que o teñamos pronto. Mesmo pode ocorrer que estea antes de que poidamos distribuílo!

Na semana das letras, que xa está aí á volta, aproveitaremos para lembrar moitas cousas boas que nos trouxo o certame nos últimos anos para que a árbore que medra vizosa siga inmume aos virus. AS árboreS: a do premio, a da poesía, a da nosa lingua, a da nosa cultura.

Agora estamos pensando novas maneiras de achegarvos o marabilloso libro de Regina Touceda para que vaiades facendo fame para cando abran as librarías.

E preparando a nova edición do certame que convocaremos, como facemos sempre, ao longo do mes de maio.

Sempre avante!

Presentación de A tarde. O desacougo., de Amauta Castro

Hai uns días tivo lugar na sede do CMI-Unidade de Fene a presentación do libro gañador da XXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé: A tarde. O desacougo., de Amauta Castro, publicado por Espiral Maior.

Deu a benvida ao acto a presidenta do CMI, Paula Romero e, a continuación, interveu o alcalde de Fene, Gumersindo Gallego.

A presentación do libro estivo a cargo de Eduardo Estévez, escritor e coordinador do certame.

Tras a participación do autor, pechou o acto o dúo Sanjurjo e Dopico.

Velaquí algunhas imaxes.

O XXX Premio Pérez Parallé, para Carlos Lixó

O pasado 11 de novembro reuniuse o xurado da XXX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Estivo integrado por Chus Nogueira (ensaísta e Presidenta da Asociación Galega da Crítica), María Lado (poeta de Cee, autora dunha importante obra e moi coñecida pola súa faceta como recitadora) e Jesús Castro Yáñez (gañador do Premio en 2015).
De entre as 61 obras presentadas, e tras unha pormenorizada discusión, escolleron por unanimidade a obra presentada baixo o título murallas de pedra sen cemento que duran para sempre. Unha vez aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Carlos Lixó Gómez.

O gañador naceu en Carreira (Ribeira) e é graduado en Historia. Actualmente está preparando a tese de doutoramento en Historia Medieval. Obtivo dúas veces o premio de relatos curtos do Concello de Cambre e o terceiro premio de relatos curtos do Concello de Ames. Algún poema seu foi publicado na revista Dorna. É colaborador de opinión no xornal dixital Sermos Galiza.

Foto: Concello de Fene

O acto de entrega tivo lugar o sábado 18, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade. Fixeron entrega do premio a presidenta do CMI, Paula Romero, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo.

No acto participaron tamén nenos e nenas dos colexios públicos O Ramo, de Barallobre, e Os Casais, de Maniños. Entre todos, leron un traballo que prepararan sobre a vida de Xosemaría Pérez Parallé e mais recitaron algúns dos seus poemas.

Pechou o acto, como é habitual, a Rondalla Estrelecer, dirixida por Javier Amado.

O libro de Carlos Lixó será publicado por Espiral Maior. O acto de presentación está previsto para o mes de maio do próximo ano.

Un libro que vai lonxe

Nomes de fume, o libro co que Míriam Ferradáns obtivo a XXIX edición do Premio Pérez Parallé, está a acadar unha grande repercusión na prensa especializada e nos lectores.

Onte, o taboleiro do libro galego, situábao no primeiro posto dos libros de poesía máis vendidos en xuño, por diante de Marta Dacosta, Lupe Gómez e mais o derradeiro libro de Fran Cortegoso.

Ao longo deste mes, interesantes recensións foron publicadas en diversos blogs e publicacións periódicas:
– O crítico Ramón Nicolás, no seu blog “Caderno da crítica”
– Chus Nogueira, na súa columna semanal de libros no “Diario cultural” da Radio Galega
– Ramón Rozas, no seu blog homónimo e no Diario de Pontevedra
– Mario Regueira publicou unha recensión no xornal Sermos Galiza. Velaquí unha foto (pódese ver ampliada facendo clic)

– O crítico Armando Requeixo dixo no Zig Zag Diario da TVG que quería falar do libro de Míriam (ver aquí). Afinal non lle deu tempo.
– E n’A Revista da Fin de Semana, tamén na TVG, Ramón Nicolás incluíu o libro entre as súas recomendacións para o verán e o libro estivo aí na mesa durante a entrevista

Hai uns días acompañabamos a Míriam na presentación do libro na súa terra nunha sala ateigada de xente de Bueu. Estamos moi orgullosos do éxito que está a acadar o libro e dámoslle os nosos parabéns a Míriam e o noso agradecemento por levar por Galicia adiante o nome do noso Premio.

Presentación de “Nomes de fume”

Onte, no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, encontrámonos novamente. Foi para presentar en sociedade o libro gañador do Premio do ano pasado: Nomes de fume, de Míriam Ferradáns.

O acto contou, como é habitual, coa presenza do alcalde de Fene, Juventino Trigo e do editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello.

O libro apadriñouno o poeta Ismael Ramos quen contou cal era a súa relación con Míriam, co libro e mais co premio nunha intervención na que se gañou o cariño de todas as persoas presentes. Hoxe aparece nas fotos da tarima do CMI. O salón non o coñecía pero, como dixo el mesmo, a tarima coñecíaa ben polas fotos do Facebook dos seus amigos. Esperamos contar con el en futuras edicións do premio.

Míriam agradeceu a moitas persoas pola súa participación no libro, en particular a Dores Tembrás, poeta, editora e autora do prólogo, quen tamén estaba presente no acto. E leu algúns poemas do libro para pechar o acto.

Como todos os anos, foi un encontro bonito e feliz. O Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé da un paso máis nesta xa longa andaina e prepárase para iniciar o camiño da XXXª edición que será moi especial, máis, se cabe, do que xa tentamos que sexa cada unha delas.
Moitas grazas ás persoas que nos acompañaron onte, ás que nos acompañan sempre. Seguimos traballando.