Amauta Castro obtén o XXXI Premio Pérez Parallé

Amauta Castro (pseudónimo literario de Rafael X. Muñoz Castro), nado en Euskadi en 1981, obtivo a XXXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.

O xurado escolleu o libro de Amauta Castro, titulado A tarde. O desacougo de entre 34 obras presentadas a concurso este ano.

O autor galardoado é poeta e tradutor. Di que naceu en Euskadi por accidente, fillo dunha galega e un andaluz emigrados na marxe esquerda do Nervión. Criouse en Vigo pero, en 2004 emigra por razóns de traballo a Salt (Girona) onde actualmente reside. Participou en diversas publicacións colectivas e antoloxías como Dorna, Antoloxía Poética da Diáspora Galega, Andar21, O Ollo Público, O poliedro da soidade ou a Revista Ligeia. Ten colaborado co suplemento “Altermundo” de Galicia Hoxe. Levou a súa voz a diversos festivais e acción poéticas coma o “X Festival de Poesía a les Caves” (Sant Sadurní d’Anoia) e o “Proxecto Catalitzador 2013” (Barcelona). En 2017 resultou gañador do XXXI Certame de Poesía Rosalía de Castro.

A entrega do premio terá lugar o próximo sábado 17 de novembro ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade en Fene.

O xurado desta edición estivo integrado por Manuel Forcadela, Berta Dávila e Míriam Ferradáns.

Convocada a XXX edición do Premio


Xa está aberta a convocatoria da XXX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Esta edición é moi especial: 30 anos van xa da convocatoria deste certame que, desde 2005, premia a obra dun autor ou autora inédita en lingua galega.
Como grande novidade nesta convocatoria, xa non será necesario enviar varios exemplares encadernados da obra: para poder participar do premio deberá enviarse o libro en formato PDF do xeito que se indica nas bases.
O prazo de presentación de orixinais rematará o 15 de setembro.
Podedes consultar as bases aquí ou descargalas en formato PDF facendo clic aquí.

Se tendes algunha dúbida sobre o proceso de presentación de orixinais, podedes enviar as consultas a ese mesmo enderezo de correo ou comunicarte a través do noso perfil de Facebook.

Fin do “Ano Ferradáns”

Achegámonos ao remate deste 2016 e queremos deixar aquí constancia da ledicia que nos produce cada novo galardón que está a recibir a nosa autora premiada deste ano.

miriam_ferradans

Cando o xurado abriu a plica correspondente ao libro escollido e apareceu o nome de Míriam Ferradáns, logo soubemos que a autora xa obtivera algúns galardóns: o 3º premio no Xuventude Galicia Crea en 2012, o Rosalía de Castro de Cornellá en 2013 e en 2014. Neste 2016 comezara facéndose co Francisco Añón, do Concello de Outes. Despois chegoulle o XXIX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé pero non parou alí: aos poucos días fíxose público o 2º premio no certame de Cornellá e, esta mesma semana, o Leiras Pulpeiro, do concello de Mondoñedo.

Ela di que non son todos premios dun ano, que levaba moitos anos traballando e só é agora cando se decidiu a saír abertamente cos seus textos ao mundo. Xa que logo, é o recoñecemento a un traballo teimudo e silencioso.

Nós estamos encantados de que ela faga parte da familia do Parallé. E, unha vez máis, recoñecemos a laboura do xurado (Eduard Velasco, Lara Dopazo e Paco Souto) que souberon atopar un libro que ten detrás unha voz que vai tomando, con forza, forma de seu.

Unha boa maneira de rematar este 2016 que será, tamén, o ano de Míriam Ferradáns.

Deixamos aquí a ligazón a unha pequena notiña do Faro de Vigo no que se recolle toda esta información.