Presentación de “Nomes de fume”

Onte, no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, encontrámonos novamente. Foi para presentar en sociedade o libro gañador do Premio do ano pasado: Nomes de fume, de Míriam Ferradáns.

O acto contou, como é habitual, coa presenza do alcalde de Fene, Juventino Trigo e do editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello.

O libro apadriñouno o poeta Ismael Ramos quen contou cal era a súa relación con Míriam, co libro e mais co premio nunha intervención na que se gañou o cariño de todas as persoas presentes. Hoxe aparece nas fotos da tarima do CMI. O salón non o coñecía pero, como dixo el mesmo, a tarima coñecíaa ben polas fotos do Facebook dos seus amigos. Esperamos contar con el en futuras edicións do premio.

Míriam agradeceu a moitas persoas pola súa participación no libro, en particular a Dores Tembrás, poeta, editora e autora do prólogo, quen tamén estaba presente no acto. E leu algúns poemas do libro para pechar o acto.

Como todos os anos, foi un encontro bonito e feliz. O Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé da un paso máis nesta xa longa andaina e prepárase para iniciar o camiño da XXXª edición que será moi especial, máis, se cabe, do que xa tentamos que sexa cada unha delas.
Moitas grazas ás persoas que nos acompañaron onte, ás que nos acompañan sempre. Seguimos traballando.

O Parallé de Míriam Ferradáns

Hai uns días tivo lugar na sede do CMI a entrega do XXIX Premio Pérez Parallé a Míriam Ferradáns. Como todos os anos, participaron do acto a presidenta do Círculo, Paula Romero e o alcalde de Fene, Juventino Trigo. Lara Dopazo interveu para explicar algunhas das motivacións do xurado, do que formou parte xunto co poeta e editor Paco Souto e Eduard Velasco, gañador da edición de 2014.
A ocasión de entregarlle o premio a Míriam valeu tamén para lembrar a Fran Cortegoso, gañador do premio en 2013, recentemente falecido. Eduardo Estévez, coordinador do certame, abriu cun poema seu e, a continuación, todas e cada unha das persoas que interviron tiveron unha especial mención a Fran quen se convertiu así, dalgún xeito, en protagonista do acto.
O libro de Míriam Ferradáns será publicado o próximo ano na colección de poesía Espiral Maior que dirixe o poeta Miguel Anxo Fernán Vello.
Velaquí unhas poucas fotos desa noite.

mesa

entrega

lara

miriam

presidenta

Eduard Velasco recibiu onte o seu Premio Pérez Parallé

Nun acto celebrado onte no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, o poeta catalán-galego Eduard Velasco recibiu o seu Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.
premio eduard
O acto contou coa participación, ademais do Presidente do Círculo, do Alcalde de Fene, Gumersindo Galego e o profesor e poeta Carlos Quiroga, que estivo presente en representación do xurado do Premio.
Pódense ver unhas fotos do acto neste album de Facebook.

Entrega do XXVI Premio Pérez Parallé

O sábado tivo lugar en Fene a entrega do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O autor galardoado, Fran Cortegoso, non puido estar presente pero, no seu sitio, os poetas Gonzalo Hermo e Alicia Fernández recibiron a figura que acredita o galardón, leron un texto enviado por Fran desde a India e algúns dos poemas do libro premiado.

O presidente do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, José Manuel Romero, abriu o acto agradecendo a presenza de todos e reivindicando o compromiso dos que facemos o Premio coa literatura feita en galego e cos máis novos autores como continuación do labor feito neste mesmo sentido polo autor homenaxeado co Premio.

No acto participou o Alcalde de Fene, Gumersindo Gallego, quen amosou o compromiso do Concello de Fene coa continuidade do premio e fixo unha defensa da cultura e a literatura feita en galego.

Ramón Blanco, en representación do xurado, falou do libro e mais do proceso de escollelo, antes de dar paso á entrega do premio e das lecturas que fixeron os poetas que representaban no acto ao autor galardoado.

Pechouse a sesión, como é habitual, cunha actuación musical que, nesta ocasión, foi dobre: Francisco Pérez Porto e Carmen Romero, acompañados de cadansúa guitarra, ofreceron un recital de romances e cantigas, algunhas tradicionais, outras de creación propia, outras con letras de Rosalía Castro ou Don Xosemaría e, para pechar, a rondalla do Círculo, ofreceu o seu repertorio habitual integrado por poemas tradicionais, tres cancións con letra de Pérez Parallé e unha versión de Campanas de Bastavales coa que deu remate o acto.

Aquí tendes algunhas fotos e, a continuación, o texto que Fran Cortegoso enviou para ser lido por Gonzalo Hermo no acto. (Podedes descargar unha versión en PDF facendo clic aquí.)

 

Discurso de recepción do Premio Pérez Parallé de poesía 2013

Saúdos cordiais a todos os presentes.
Ao occidente da Provenza francesa, perto de Marsella, elevase un pregue calcáreo duns mil metros de altura sobre o nivel oceánico chamado Monte da Santa Vitoria. Domina unha ampla paisaxe para o sur e estremos da súa extensión. Hoxe en día a autoestrada que atravesa a rexión produce un efecto cinematográfico de travelling na visión de tal monumento natural. Paul Cézanne, pintor nado na Provenza, traballou ao longo da súa vida coa visión dese promontorio alpino dunha cor cinsenta, por veces branca. Podo, podemos, contemplar o seu despregue de sentido nunha postal. Unha fotografía recolle o mais inmediato presente de algo, no entanto, eterno. Puidemos vela e asombrounos o seu fenómeno. Xurdiu na paisaxe camiño do aeroporto de Marsella. Camiño da India.
A miña vontade é este lugar desde onde escribo, mentres escoito unha voz en lingua árabe clamando unha verdade sen maior representación que a palabra mesma; o lugar onde esta ten lugar e pode dar lugar. A miña vontade, sen desexalo, e desculparán a miña ausencia, lévame a cumprir co poema como evento na voz de Alicia Fernández. Levo anos xogando coa miña propia desaparición. Do que se trata é do poema e a relación cun saber humano.
Días antes de coñecer e recoñecerme gañador deste premio xa instituído en obras e autores que gardo presentes e que demostran o seu creto, atravesaba bosques ocupados por plantacións de café nunha outra paisaxe ou territorio. Tratábase da primeira plantación de café que podía observar e á miña vista, como por efecto dun desvelamento da vexetación, apareceu ou aparecín ante o monte Mullayangiri. Aparecín eu; aínda que un pregamento de materiais sedimentarios non poida dar conta de min, para iso está a linguaxe, para dar voz ao inmemorial. Mais o monte Mullayangiri nin aparece nin comparece. A miña presenza bórrase para dar lugar a unha simple recepción da luz polos sentidos. Un verde que se deita do esmeralda ao ton da vile, esborrallado pola néboa. Así acontecía cada mañá o monte da Santa Vitoria ante a presenza do pintor postimpresionista. Cézanne pretendía unha linguaxe da luz, o seu acontecer singular sen atender realmente a unha lei propia ao obxecto e anterior. A luz estimula, para o artista, unha arquitectura irreparábel por singular, e deste xeito, inmediatamente ruinosa. O século XX deparaba grandes acontecementos como a visión da Santa Vitoria.
Mais todos nós, no século XXI, é posíbel sermos parte dunha ruína anterior que xoga como representación do acontecer dun sistema ou estrutura en crise. O xardín estabeleceu unha orde a unha natureza ocupada pola emerxencia das ciencias naturais. E este xeneralizouse como unha lóxica estética. Os poemas que teño por honra presentar este día grazas á valoración dun xurado que me acolle como igual, son produto dun saber que se garda na miña historicidade mais que eclosionan no espazo como eventos nun xardín, ordenación do que se trata por natural. Así, creo, debe ser tomado o noso tempo, como unha oportunidade para a nova orde ocupándonos dos acontecementos que poden liberar a nosa sociedade.
Os meus mellores desexos para todos. Agardo que desfrutedes desta xornada en Fene.

Francisco Cortegoso