Luz na “deriva”

Onte, nun fermoso acto no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, tivo lugar, por fin, a presentación de deriva, o libro co que Regina Touceda obtivo en 2019 o Premio Pérez Parallé. O acto debeu ter lugar en maio, pero non foi posíbel polas razóns que xa coñecemos de sobra e que tanto alteraron a nosa vida nestes meses últimos. Pero finalmente foi onte neste estraño mes de xullo de 2020.

A sala do CMI estaba máis concorrida do habitual. Gardando as distancias que marca a prudencia e con cadansúa máscara protectora, o público asistiu e aplaudiu con entusiasmo a presentación do libro.

A mesa dividiuse en dúas partes, unha primeira institucional na que interviron a Presidenta do CMI, Paula Romero, e mais o Alcalde de Fene, Juventino Trigo, quen se comprometeu a manter e incrementar o apoio do Concello ao certame.

Nunha segunda parte, o editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello e a autora ocupáronse con brillo da parte estritamente literaria do acto.

A tarde pechouna o grupo Encrucillada cun repertorio vibrante ancorado na tradición musical do país.

Agora é o tempo de facer que os versos de Regina saian voar polo ceo da poesía galega. Sempre é difícil para os autores e autoras novas facerse un oco cos seus traballos no prolífico universo das nosas letras. O Premio Pérez Parallé ten a vocación de aportar un gran de area para facer que ese proceso sexa máis doado. E este ano, con todas as dificultades que o sector cultural do país está a vivir, o papel das persoas que organizamos o certame é máis necesario. Asumimos esa responsabilidade e faremos o que estea na nosa man para apoiar a promoción deste libro.

Velaquí algunhas fotos do acto de onte.

Regina Touceda xa ten o seu Premio Pérez Parallé

Onte, 16 de novembro, tivo lugar en Fene o acto de entrega da XXXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Nesta ocasión, o premio recaeu no libro Deriva, de Regina Touceda. O xurado estivo integrado por Lorena Souto, gañadora do certame en 2011, e as poetas Daniel Salgado e Elvira Ribeiro. Esta última acompañou a gañadora no acto de entrega do galardón.

Como cada ano, o acto contou coa participación do Alcalde de Fene, Gumersindo Galego, así como da Presidenta do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, Paula Romero.

Regina Touceda é a máis nova das gañadoras do Premio Pérez Parallé. Naceu en Cuntis en 1999 e é estudante de filoloxía galega. O Premio sorprendeuna en Cork, onde está de Erasmus, pero en poucos minutos xa tiña un billete para poder estar presente no acto de entrega do Premio.

O libro gañador verá luz en Espiral Maior no próximo mes de maio.

Aquí podedes ver o texto que a gañadora leu no acto de entrega do premio.

E aquí algunhas fotos do acto.

O XXX Premio Pérez Parallé, para Carlos Lixó

O pasado 11 de novembro reuniuse o xurado da XXX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Estivo integrado por Chus Nogueira (ensaísta e Presidenta da Asociación Galega da Crítica), María Lado (poeta de Cee, autora dunha importante obra e moi coñecida pola súa faceta como recitadora) e Jesús Castro Yáñez (gañador do Premio en 2015).
De entre as 61 obras presentadas, e tras unha pormenorizada discusión, escolleron por unanimidade a obra presentada baixo o título murallas de pedra sen cemento que duran para sempre. Unha vez aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Carlos Lixó Gómez.

O gañador naceu en Carreira (Ribeira) e é graduado en Historia. Actualmente está preparando a tese de doutoramento en Historia Medieval. Obtivo dúas veces o premio de relatos curtos do Concello de Cambre e o terceiro premio de relatos curtos do Concello de Ames. Algún poema seu foi publicado na revista Dorna. É colaborador de opinión no xornal dixital Sermos Galiza.

Foto: Concello de Fene

O acto de entrega tivo lugar o sábado 18, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade. Fixeron entrega do premio a presidenta do CMI, Paula Romero, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo.

No acto participaron tamén nenos e nenas dos colexios públicos O Ramo, de Barallobre, e Os Casais, de Maniños. Entre todos, leron un traballo que prepararan sobre a vida de Xosemaría Pérez Parallé e mais recitaron algúns dos seus poemas.

Pechou o acto, como é habitual, a Rondalla Estrelecer, dirixida por Javier Amado.

O libro de Carlos Lixó será publicado por Espiral Maior. O acto de presentación está previsto para o mes de maio do próximo ano.

Presentación de “Nomes de fume”

Onte, no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, encontrámonos novamente. Foi para presentar en sociedade o libro gañador do Premio do ano pasado: Nomes de fume, de Míriam Ferradáns.

O acto contou, como é habitual, coa presenza do alcalde de Fene, Juventino Trigo e do editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello.

O libro apadriñouno o poeta Ismael Ramos quen contou cal era a súa relación con Míriam, co libro e mais co premio nunha intervención na que se gañou o cariño de todas as persoas presentes. Hoxe aparece nas fotos da tarima do CMI. O salón non o coñecía pero, como dixo el mesmo, a tarima coñecíaa ben polas fotos do Facebook dos seus amigos. Esperamos contar con el en futuras edicións do premio.

Míriam agradeceu a moitas persoas pola súa participación no libro, en particular a Dores Tembrás, poeta, editora e autora do prólogo, quen tamén estaba presente no acto. E leu algúns poemas do libro para pechar o acto.

Como todos os anos, foi un encontro bonito e feliz. O Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé da un paso máis nesta xa longa andaina e prepárase para iniciar o camiño da XXXª edición que será moi especial, máis, se cabe, do que xa tentamos que sexa cada unha delas.
Moitas grazas ás persoas que nos acompañaron onte, ás que nos acompañan sempre. Seguimos traballando.

Jesús Castro Yáñez recibe o seu Premio Pérez Parallé

Onte á noite, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, foi entregado o XXVIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé ao gañador deste ano, o poeta chairego Jesús Castro Yáñez.

jesus_castro

Entregaron o galardón o alcalde de Fene, Juventino Trigo e o presidente do Círculo, José Manuel Romero.
O acto pechouse, como é habitual, coa actuación da rondalla Estrelecer do Círculo Mercantil.

mesa

O autor recibiu o galardón pola súa obra Os cantos e os himnos. O xurado do Premio, integrado por Estíbaliz Espinosa, Fran Cortegoso e Estevo Creus escolleu a obra de entre as 27 presentadas considerando que “conforma un libro orgánico, con vontade de medrar en cada parte (desde o Nome ao Himno) e unha procura metafísica a través da lingua literaria. O tema da identidade a través do nomeamento do mundo, a sonoridade líquida da lingua e o uso dunha linguaxe clara para unha poesía que camiña por territorios que poden soar familiares (o xardín, o río) mais rozando certa abstracción. Unha poesía fonda e de teor filosófico que adentra en preguntas sobre o ser e o territorio. A voz do libro é unha voz limpa e nova, mais cunha madurez lírica considerable.”

O Premio Pérez Parallé outorga ao autor da obra gañadora 1000 euros e unha peza de cerámica de Sargadelos co retrato de Pérez Parallé da autoría do debuxante Siro, que é a imaxe do Premio desde hai máis de dez anos.
O libro será publicado pola editorial Espiral Maior e presentarase en Fene no próximo mes de maio.