Entrega do XXVI Premio Pérez Parallé

O sábado tivo lugar en Fene a entrega do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O autor galardoado, Fran Cortegoso, non puido estar presente pero, no seu sitio, os poetas Gonzalo Hermo e Alicia Fernández recibiron a figura que acredita o galardón, leron un texto enviado por Fran desde a India e algúns dos poemas do libro premiado.

O presidente do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, José Manuel Romero, abriu o acto agradecendo a presenza de todos e reivindicando o compromiso dos que facemos o Premio coa literatura feita en galego e cos máis novos autores como continuación do labor feito neste mesmo sentido polo autor homenaxeado co Premio.

No acto participou o Alcalde de Fene, Gumersindo Gallego, quen amosou o compromiso do Concello de Fene coa continuidade do premio e fixo unha defensa da cultura e a literatura feita en galego.

Ramón Blanco, en representación do xurado, falou do libro e mais do proceso de escollelo, antes de dar paso á entrega do premio e das lecturas que fixeron os poetas que representaban no acto ao autor galardoado.

Pechouse a sesión, como é habitual, cunha actuación musical que, nesta ocasión, foi dobre: Francisco Pérez Porto e Carmen Romero, acompañados de cadansúa guitarra, ofreceron un recital de romances e cantigas, algunhas tradicionais, outras de creación propia, outras con letras de Rosalía Castro ou Don Xosemaría e, para pechar, a rondalla do Círculo, ofreceu o seu repertorio habitual integrado por poemas tradicionais, tres cancións con letra de Pérez Parallé e unha versión de Campanas de Bastavales coa que deu remate o acto.

Aquí tendes algunhas fotos e, a continuación, o texto que Fran Cortegoso enviou para ser lido por Gonzalo Hermo no acto. (Podedes descargar unha versión en PDF facendo clic aquí.)

 

Discurso de recepción do Premio Pérez Parallé de poesía 2013

Saúdos cordiais a todos os presentes.
Ao occidente da Provenza francesa, perto de Marsella, elevase un pregue calcáreo duns mil metros de altura sobre o nivel oceánico chamado Monte da Santa Vitoria. Domina unha ampla paisaxe para o sur e estremos da súa extensión. Hoxe en día a autoestrada que atravesa a rexión produce un efecto cinematográfico de travelling na visión de tal monumento natural. Paul Cézanne, pintor nado na Provenza, traballou ao longo da súa vida coa visión dese promontorio alpino dunha cor cinsenta, por veces branca. Podo, podemos, contemplar o seu despregue de sentido nunha postal. Unha fotografía recolle o mais inmediato presente de algo, no entanto, eterno. Puidemos vela e asombrounos o seu fenómeno. Xurdiu na paisaxe camiño do aeroporto de Marsella. Camiño da India.
A miña vontade é este lugar desde onde escribo, mentres escoito unha voz en lingua árabe clamando unha verdade sen maior representación que a palabra mesma; o lugar onde esta ten lugar e pode dar lugar. A miña vontade, sen desexalo, e desculparán a miña ausencia, lévame a cumprir co poema como evento na voz de Alicia Fernández. Levo anos xogando coa miña propia desaparición. Do que se trata é do poema e a relación cun saber humano.
Días antes de coñecer e recoñecerme gañador deste premio xa instituído en obras e autores que gardo presentes e que demostran o seu creto, atravesaba bosques ocupados por plantacións de café nunha outra paisaxe ou territorio. Tratábase da primeira plantación de café que podía observar e á miña vista, como por efecto dun desvelamento da vexetación, apareceu ou aparecín ante o monte Mullayangiri. Aparecín eu; aínda que un pregamento de materiais sedimentarios non poida dar conta de min, para iso está a linguaxe, para dar voz ao inmemorial. Mais o monte Mullayangiri nin aparece nin comparece. A miña presenza bórrase para dar lugar a unha simple recepción da luz polos sentidos. Un verde que se deita do esmeralda ao ton da vile, esborrallado pola néboa. Así acontecía cada mañá o monte da Santa Vitoria ante a presenza do pintor postimpresionista. Cézanne pretendía unha linguaxe da luz, o seu acontecer singular sen atender realmente a unha lei propia ao obxecto e anterior. A luz estimula, para o artista, unha arquitectura irreparábel por singular, e deste xeito, inmediatamente ruinosa. O século XX deparaba grandes acontecementos como a visión da Santa Vitoria.
Mais todos nós, no século XXI, é posíbel sermos parte dunha ruína anterior que xoga como representación do acontecer dun sistema ou estrutura en crise. O xardín estabeleceu unha orde a unha natureza ocupada pola emerxencia das ciencias naturais. E este xeneralizouse como unha lóxica estética. Os poemas que teño por honra presentar este día grazas á valoración dun xurado que me acolle como igual, son produto dun saber que se garda na miña historicidade mais que eclosionan no espazo como eventos nun xardín, ordenación do que se trata por natural. Así, creo, debe ser tomado o noso tempo, como unha oportunidade para a nova orde ocupándonos dos acontecementos que poden liberar a nosa sociedade.
Os meus mellores desexos para todos. Agardo que desfrutedes desta xornada en Fene.

Francisco Cortegoso

Fran Cortegoso obtén a XXVI edición do Premio

Finalmente, onte pola mañá reuniuse o xurado da XXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Foi na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene.
O xurado desta edición estivo composto por Ramón Blanco, poeta de Outes, autor dun dos libros de poemas máis exitosos do pasado ano, Emily on the road; Olalla Cociña, poeta residente en Santiago de Compostela, aínda que nada en Viveiro, autora de catro libros de poemas cos que obtivo algúns premios e o unánime recoñecemento da crítica, é a organizadora dun ciclo poético en Compostela chamado Picaversos, que xa vai pola terceira etapa con grande éxito de público; completaba o xurado Marisol Gándara Sánchez, autora da obra gañadora da edición anterior do Premio, Ata o corazón da mazá.

Tras unha interesante discusión a propósito dos libros presentados a concurso, o xurado resolveu outorgar o Premio deste ano ao titulado Memorial & danza que resultou ser da autoría de Fran Cortegoso.
Este mozo, nado en Pontevedra en 1985, leva uns anos amosando a súa obra poética con gran éxito por publicacións periódicas e mesmo algunhas antoloxías como A cidade na poesía galega do século XXI ou a Guía viva de ortodoxos e heterodoxos en la poesía contemporánea gallega.
Tal e como consta na acta, o xurado “valorou no libro a descuberta dunha voz singular cun contido alento reflexivo despregado nunha sintaxe pouco convencional e un ritmo coidado. O poemario apóiase en luminosas imaxes cun forte enraizamento no fluír temporal da natureza”.

O autor atópase percorrendo mundo e á nova da concesión do premio respondeu desde algún lugar da India. Xa que logo, non poderá estar presente na entrega do premio que terá lugar este sábado. Na súa representación, participarán do acto dous poetas novos pero cunha traxectoria xa consolidada: Gonzalo Hermo lerá un texto enviado por Fran e Alicia Fernández, membro da executiva da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, lerá algúns dos poemas do libro premiado.
Agardámosvos, pois, para compartir este momento o sábado 16 ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene.

Mentres agardamos, Ata o corazón da mazá

Mentres agardamos con ansia a reunión do xurado da XXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé (que terá lugar o domingo 10 de novembro pola mañá) tivemos ocasión onte de acompañar a Marisol Gándara Sánchez, gañadora da XXV edición, na presentación na Coruña do seu Ata o corazón da mazá.

O acto contou coa participación de Miguel Anxo Fernán Vello, director de Espiral Maior e Eva Veiga. Como xa saberedes, o libro de Marisol está adicado a esta poeta, voz senlleira da nosa poesía actual. Esta é a segunda vez que Eva Veiga acompaña a Marisol na presentación do libro e, como da vez anterior, agasallou á sala cunha lectura fonda, sentida e incisiva do libro de Marisol.

Aquí tendes unha pequena crónica fotográfica do acto.

presentación marisol coruña

presentación marisol coruña

presentación marisol coruña

presentación marisol coruña

presentación marisol coruña

presentación marisol coruña

presentación marisol coruña

Mario Regueira en castelán

Vimos de saber con alegría que está a piques de aparecer a edición en castelán de Outono aquí, a última novela de Mario Regueira, gañador da XVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

O libro aparece na colección Pulp Books baixo o título de Las hojas muertas.

A inclusión deste libro na colección Pulp Books, creada para difundir obras remarcábeis da literatura galega entre o público español, é un recoñecemento para esta novela coa que Mario Regueira obtivo en 2011 o Premio de Novela Curta Lueiro Rey, convocado polo concello do Grove.

las hojas muertas

O libro de Marisol Gándara na prensa

Ata o corazón da mazá, o libro co que Marisol Gándara Sánchez obtivo a última edición do Pérez Parallé, está a recibir unha boa acollida da crítica.

Neste mes de xullo, Ramón Nicolás dedicoulle ao libro de Marisol unha entrada do seu blog “Caderno da crítica” e mais Mario Regueira fixo o propio nunha das súas columnas na edición impresa de Sermos Galiza.

mario regueira escribe sobre marisol gandara

E non imos negar que nos gusta ver como, en todas cantas ocasións se fala dun libro gañador do noso Premio, sempre hai un espazo para destacar o papel que o certame ten na descuberta de voces cun perfil novidoso e de calidade.

Ademais do mérito indubidable que corresponde aos autores e autoras de cada libro, hai que destacar, desde o noso lado, o papel sempre acertado das diferentes persoas que, ao longo destes anos, fixeron parte do xurado do Premio. Felicitámolos e agradecémoslles unha e outra vez o seu traballo.

 

As lavandas de Ramón Neto

Vén de chegarnos ¡desde Bruxelas! un exemplar de As lavandas adáptanse a todo erro de navegación, o libro co que Ramón Neto obtivo o ano pasado o Premio de Poesía Miguel González Garcés, un dos de máis longa andaina nas nosas letras.

ramón neto-as lavandas

Co seu libro anterior, A estación única dunha illa, Ramón Neto obtivo en 2009 a XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Despois dese primeiro paso que deu connosco, agora dá un segundo gran paso, sumándose a unha listaxe de poetas galardoados no premio da Deputación da Coruña que conta con nomes tan senlleiros como o de Estevo Creus, Marta Dacosta, Ramiro Fonte, Medos Romero, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo ou Luz Pozo Garza entre outros.

ramón neto

Celebramos estas novas como se fosen logros nosos e non nos cansamos nunca de dicir canto nos aleda ver que o Pérez Parallé segue a demostrar que dá bos froitos.

 

Presentación en Compostela

O pasado día 13, xoves, presentouse en Compostela Ata o corazón da mazá, o libro co que Marisol Gándara Sánchez obtivo a XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

lorena, marisol, miguel anxo

O acto contou coa participación de Miguel Anxo Fernán Vello, editor do libro e de Lorena Souto, gañadora da XXIV edición do Premio, quen lle fixo os honores ao libro de Marisol Gándara.

lorena, marisol

Para pechar, o público que enchía a Libraría Couceiro (entre os que se contaba tamén Mario Regueira, gañador da XVIII edición e Eduardo Estévez, coordinador do Premio), puido escoitar unha selección de textos na voz da autora.

marisol

O libro bota a voar e xa estamos preparando a próxima edición do Premio da que xa se poden descargar as bases.

Presentación de “Ata o corazón da mazá” en Compostela

ata o corazón da mazá - portada

Este xoves 13 ás 20h na libraría Couceiro, na praza de Cervantes de Santiago de Compostela, Lorena Souto fará a presentación do libro gañador da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé: Ata o corazón da mazá, de Marisol Gándara Sánchez. O acto contará coa presenza do editor, Miguel Anxo Fernán Vello.

 

Ábrese o prazo da XXVI edición do Premio

Como é habitual, tras a presentación do libro gañador da edición do ano pasado, ábrese xa o prazo de presentación de orixinais para participar na XXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

Tendes prazo até despois do verán para enviar o voso libro de poemas. En concreto, xusto unha semana despois de rematado oficialmente o verán.

Consultade as bases aquí ou descargádeas aquí en formato PDF.

A festa da poesía continúa.

Mordedoras de mazás

Así titulou Lorena Souto o texto co que participou na presentación de Ata o corazón da mazá, o libro co que Marisol Gándara obtivo a XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

O texto é precioso: unha reflexión sobre a poesía como fonte da poesía, as antecesoras como fonte da nova escrita e, en particular, a pegada de Eva Veiga nas poetas galegas novas. Pedímoslle a Lorena o texto para compartilo con todos os lectores e lectoras aquí no blog do premio e ela, coa súa xenerosidade de sempre, accedeu encantada.

Velaquí o está: podedes descargalo en formato PDF facendo clic aquí.

Agardamos que vos guste tanto como nos gustou a nós.