Bases

Bases da XXIX edición do
Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
(2017)

[descargar en formato PDF]

1) O premio convócase co obxectivo de colaborar na promoción de novas voces, polo que é requisito para participar non ter publicado ningún libro individual de poesía. Porén, admitiranse traballos presentados por persoas que publicasen previamente algún libro en edición de autor.
2) O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición, da crítica ou o xornalismo cultural.
3) Os autores e autoras participantes presentarán un libro de poesía en lingua galega. É res­ponsabilidade do xurado do premio determinar se algún dos traballos presentados posúe ou non as características para ser considerado “libro”. Porén, recoméndase que teñan unha extensión mínima de 300 versos. A escolla ortográfica de cada libro presentado non será obxecto de valoración por parte do xurado.
4) Os textos enviaranse por correo electrónico en formato PDF ao enderezo seguinte

gro.ellarap@oerroc

Na mensaxe incluiranse dous arquivos, un titulado “obra” e outro, “plica” seguidos ambos os nomes polo título ou o lema do libro. O arquivo denominado “obra” non incluirá ningunha referencia ao autor ou autora da mesma. No outro, indicarase a información seguinte: o título ou o lema do libro, nome completo do autor ou autora, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto (teléfono e enderezo electrónico). No caso da publicación previa dun libro individual, deixarase constancia na plica do título da obra, ano de publicación e, no caso de telo, ISBN.
5) O prazo de presentación de orixinais remata o venres 15 de setembro de 2017.
6) A organización remitirá un correo electrónico confirmando a recepción correcta do material.
7) O xurado escollerá de entre os traballos presentados un único libro. Ademais, poderá deixar constancia na acta de cantos outros títulos considere merecedores de ser publicados, non significando isto ningún compromiso por parte da entidade convocadora nin dos patrocinadores nin do editor. Non se fará referencia na acta ao nome dos autores ou autoras dos libros mencionados.
8) A entrega do premio terá lugar en novembro de 2017 nas instalacións do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade en Fene.
9) O premio consistirá na edición do libro na Colección de Poesía Espiral Maior no máis breve prazo posíbel. Terá tamén unha gratificación económica de 2000 € (suxeitos ás retencións impositivas que marca a lei).
10) A edición do libro constará de 600 exemplares. O editor entregará ao autor ou autora 25 exemplares da obra impresa. Unha vez esgotada a primeira edición, a entidade convocadora, os patrocinadores e o editor dispoñerán do prazo dun ano para reeditar o libro, debendo negociar previamente co autor ou autora a compensación económica desta e sucesivas edi­cións. Transcorrido este prazo, o autor ou autora poderá dispoñer libremente da obra coa única condición de que deberá dei­xar constancia do galardón en sucesivas edicións do libro.
11) Calquera detalle non previsto polas presentes bases deberá ser resolto polo xurado que ten, asemade, a atribución de interpretalas, nomeadamente no relativo aos puntos 1 e 3. A decisión do xurado é inapelábel.
12) A información contida nas plicas pasará a formar parte dunha base de datos que se utilizará coa única finalidade de promover as seguintes convo­ca­to­rias do premio. Os autores e autoras poderán mo­di­ficar ou eliminar estes datos dos arquivos da en­ti­dade convocadora, segundo se detalla na Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal, solici­tán­doo por correo electrónico ao mesmo enderezo de par­ticipación.