Fran Cortegoso obtén a XXVI edición do Premio

Finalmente, onte pola mañá reuniuse o xurado da XXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Foi na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene.
O xurado desta edición estivo composto por Ramón Blanco, poeta de Outes, autor dun dos libros de poemas máis exitosos do pasado ano, Emily on the road; Olalla Cociña, poeta residente en Santiago de Compostela, aínda que nada en Viveiro, autora de catro libros de poemas cos que obtivo algúns premios e o unánime recoñecemento da crítica, é a organizadora dun ciclo poético en Compostela chamado Picaversos, que xa vai pola terceira etapa con grande éxito de público; completaba o xurado Marisol Gándara Sánchez, autora da obra gañadora da edición anterior do Premio, Ata o corazón da mazá.

Tras unha interesante discusión a propósito dos libros presentados a concurso, o xurado resolveu outorgar o Premio deste ano ao titulado Memorial & danza que resultou ser da autoría de Fran Cortegoso.
Este mozo, nado en Pontevedra en 1985, leva uns anos amosando a súa obra poética con gran éxito por publicacións periódicas e mesmo algunhas antoloxías como A cidade na poesía galega do século XXI ou a Guía viva de ortodoxos e heterodoxos en la poesía contemporánea gallega.
Tal e como consta na acta, o xurado “valorou no libro a descuberta dunha voz singular cun contido alento reflexivo despregado nunha sintaxe pouco convencional e un ritmo coidado. O poemario apóiase en luminosas imaxes cun forte enraizamento no fluír temporal da natureza”.

O autor atópase percorrendo mundo e á nova da concesión do premio respondeu desde algún lugar da India. Xa que logo, non poderá estar presente na entrega do premio que terá lugar este sábado. Na súa representación, participarán do acto dous poetas novos pero cunha traxectoria xa consolidada: Gonzalo Hermo lerá un texto enviado por Fran e Alicia Fernández, membro da executiva da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, lerá algúns dos poemas do libro premiado.
Agardámosvos, pois, para compartir este momento o sábado 16 ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene.

One thought on “Fran Cortegoso obtén a XXVI edición do Premio”

Os comentarios están pechados.