Jesús Castro Yáñez recibe o seu Premio Pérez Parallé

Onte á noite, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, foi entregado o XXVIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé ao gañador deste ano, o poeta chairego Jesús Castro Yáñez.

jesus_castro

Entregaron o galardón o alcalde de Fene, Juventino Trigo e o presidente do Círculo, José Manuel Romero.
O acto pechouse, como é habitual, coa actuación da rondalla Estrelecer do Círculo Mercantil.

mesa

O autor recibiu o galardón pola súa obra Os cantos e os himnos. O xurado do Premio, integrado por Estíbaliz Espinosa, Fran Cortegoso e Estevo Creus escolleu a obra de entre as 27 presentadas considerando que “conforma un libro orgánico, con vontade de medrar en cada parte (desde o Nome ao Himno) e unha procura metafísica a través da lingua literaria. O tema da identidade a través do nomeamento do mundo, a sonoridade líquida da lingua e o uso dunha linguaxe clara para unha poesía que camiña por territorios que poden soar familiares (o xardín, o río) mais rozando certa abstracción. Unha poesía fonda e de teor filosófico que adentra en preguntas sobre o ser e o territorio. A voz do libro é unha voz limpa e nova, mais cunha madurez lírica considerable.”

O Premio Pérez Parallé outorga ao autor da obra gañadora 1000 euros e unha peza de cerámica de Sargadelos co retrato de Pérez Parallé da autoría do debuxante Siro, que é a imaxe do Premio desde hai máis de dez anos.
O libro será publicado pola editorial Espiral Maior e presentarase en Fene no próximo mes de maio.

Eduard Velasco gaña a XXVII edición do Premio Pérez Parallé

O poeta catalán Eduard Velasco obtivo a XXVII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé co libro titulado Ruído de trens.
O xurado, conformado por Carlos Quiroga, Mariña Pérez Rei e Gonzalo Hermo, reuniuse onte á noite na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene e debatiu sobre os títulos presentados. Foi unha discusión intensa na que destacaron varios libros. Dous deles, ademais do gañador, figuran na acta por decisión do xurado: son os presentados baixo os pseudónimos de “Xarda” e “Malãkh”.
O xurado do premio acordou por unanimidade deixar constancia na acta “que, en coherencia coa tradición e Historia do Galeguismo, recusa a censura normativa pola que veñen sendo vitimados galegos e galegas que viven a súa lingua como sendo común coa doutras sociedades. No caso dos premios literarios, a calidade artística das propostas non debe ser desconsiderada por seguir unha escolla diferente da pretendidamente oficial para a nosa lingua, polo que aplicaron este criterio na súa avaliación dos traballos presentados á convocatoria de 2014. Tamén adhiren á campaña “Galego em liberdade” e suxiren aos organizadores deste premio –e eventualmente de todos os premios literarios de Galiza- que incorporen ás súas bases a non discriminación por cuestión de norma ou modelo lingüístico, contribuíndo a que as actitudes censoras fiquen como unha reliquia do pasado.”

eduard
(A foto é da poeta Alicia Fernández).

Eduard Velasco é licenciado en filoloxía catalá e en filoloxía galega pola Universitat de Barcelona e reside en Galiza desde 2006.
Ten desenvolvido traballos de tradución entre o galego e o catalán, participou en Cataluña en programas de radio en galego e está adicado ao intercambio entre as culturas galega e catalá.
Recentemente obtivo, cun pequeno conxunto de poemas, o Premio Leiras Pulpeiro que convoca o Concello de Mondoñedo.

A entrega do premio terá lugar o sábado 15 de novembro na sede do Círculo Mercantil en Fene, nun acto que comezará ás 20h e que contará coa participación, como xa é habitual, da rondalla “Estrelecer”.

Fran Cortegoso obtén a XXVI edición do Premio

Finalmente, onte pola mañá reuniuse o xurado da XXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Foi na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene.
O xurado desta edición estivo composto por Ramón Blanco, poeta de Outes, autor dun dos libros de poemas máis exitosos do pasado ano, Emily on the road; Olalla Cociña, poeta residente en Santiago de Compostela, aínda que nada en Viveiro, autora de catro libros de poemas cos que obtivo algúns premios e o unánime recoñecemento da crítica, é a organizadora dun ciclo poético en Compostela chamado Picaversos, que xa vai pola terceira etapa con grande éxito de público; completaba o xurado Marisol Gándara Sánchez, autora da obra gañadora da edición anterior do Premio, Ata o corazón da mazá.

Tras unha interesante discusión a propósito dos libros presentados a concurso, o xurado resolveu outorgar o Premio deste ano ao titulado Memorial & danza que resultou ser da autoría de Fran Cortegoso.
Este mozo, nado en Pontevedra en 1985, leva uns anos amosando a súa obra poética con gran éxito por publicacións periódicas e mesmo algunhas antoloxías como A cidade na poesía galega do século XXI ou a Guía viva de ortodoxos e heterodoxos en la poesía contemporánea gallega.
Tal e como consta na acta, o xurado “valorou no libro a descuberta dunha voz singular cun contido alento reflexivo despregado nunha sintaxe pouco convencional e un ritmo coidado. O poemario apóiase en luminosas imaxes cun forte enraizamento no fluír temporal da natureza”.

O autor atópase percorrendo mundo e á nova da concesión do premio respondeu desde algún lugar da India. Xa que logo, non poderá estar presente na entrega do premio que terá lugar este sábado. Na súa representación, participarán do acto dous poetas novos pero cunha traxectoria xa consolidada: Gonzalo Hermo lerá un texto enviado por Fran e Alicia Fernández, membro da executiva da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, lerá algúns dos poemas do libro premiado.
Agardámosvos, pois, para compartir este momento o sábado 16 ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene.

Lorena Souto gaña a XXIV edición do Premio

Esta tarde reuniuse en Fene o xurado da XXIV edición do Premio. Estivo conformado por Rosa Aneiros, Andrea Nunes e Marica Campo.
xurado xxiv edición
Tras a deliberación, decidiron por unanimidade escoller a obra titulada Fase de trema. Aberta a plica, a obra resultou ser da autoría de Lorena Souto, licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago, membro do consello de redacción da revista Dorna que obtén, con este premio, o primeiro galardón da súa esperamos que longa carreira literaria.
Lorena naceu no Páramo en 1983 e reside en Compostela.
lorena souto

Dáse a coñecer o xurado deste ano

baldo ramosRematado xa o prazo de presentación de orixinais para a XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, O Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene fai pública a composición do xurado que escollerá a obra gañadora de entre os 28 orixinais presentados a concurso.

Nesta ocasión, estará composto por: Carme Bar Cendón, susana arínsLicenciada en Historia da Arte, que foi profesora de ensino medio e Directora da Biblioteca de Narón; Baldo Ramos, poeta e artista plástico, que exerce como docente de Lingua e Literaturas Española e Susana Sánchez Aríns, gañadora da XXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, tamén docente de ensino medio.

A decisión sobre a obra gañadora do premio darase a coñecer a mediados de novembro.